Dicionario contrastivo de valencias verbais: español-alemán (2002-2010).
Características do dicionario
O dicionario proporciona a descrición das propiedades combinatorias de máis de cen verbos frecuentes do español e dos seus equivalentes alemáns, coa especificación das súas características semánticas e sintagmáticas. O estabelecemento das acepcións de cada lema español parte das descricións lexicográficas existentes, que se adaptan aos obxectivos da análise valencial do DCVVEA, en conxunción cos datos empíricos que proporciona a Base de datos sintácticos do español actual (BDS), elaborada por investigadores da USC baixo a dirección de Guillermo Rojo. A BDS contén os resultados de analizar sintacticamente case 160.000 cláusulas dun corpus textual de español contemporáneo, o corpus ARTHUS (Arquivo de textos hispánicos da Universidade de Santiago de Compostela).
O DCVVEA é un dicionario sintagmático cunha estruturación alfabética e con metalinguaxe española. As entradas parten de diferentes acepcións de significado dun verbo español, documéntanse con exemplos reais e asócianse a unha serie de equivalentes alemáns -plenos ou parciais-, que se identifican a partir da tradución dos exemplos do corpus. A descrición valencial das unidades verbais do español e do alemán inclúe información funcional, categorial e semántica sobre os constituíntes actanciais, con indicación explícita das características sintácticas diferenciais máis relevantes (metataxe).