Grupo de Gramática do Español

Liñas de traballo principais

Estruturas sintácticas do español.

Comprende tanto o estudo dos esquemas sintácticos e elementos funcionais que os integran como das características dos verbos que desempeñan a función de predicado da cláusula. Este estudo parte en boa medida da explotación dos recursos xerados tras os primeiros estudos teóricos, a Base de datos sintácticos do español actual (BDS), na que se pode consultar o resultado por verbos, esquemas ou subesquemas sintácticos da análise de case cento sesenta mil cláusulas do español actual, procedentes dun corpus de millón e medio de palabras.

Elaboración e desenvolvemento de corpus, dicionarios e outros recursos lingüísticos.

Elaboración de corpus textuais orais e escritos para estudos lingüísticos, así como recursos lingüísticos electrónicos de diversa índole, útiles para o propio desenvolvemento dos corpus e para a súa explotación, ademais de para ser integrados noutro tipo de aplicacións. Tras a construción da Base de datos sintácticos (BDS) a partir do corpus ARTHUS, os últimos corpus desenvolvidos polo grupo foron o Corpus de aprendices de español (CAES), o Corpus sintacticamente analizado (CSA) e o Corpus para o estudo do español oral (ESLORA), que inclúen o desenvolvemento de etiquetadores estatísticos e aplicacións de consulta en liña. Neste ámbito sitúase tamén a participación do grupo no desenvolvemento do Corpus do Español do Século XXI (CORPES XXI) e do Corpus de referencia do galego actual (CORGA).

O español en situacións de multilingüismo-contacto.

O español falado en Galicia.

Estudos que afondan no coñecemento do español oral mediante o desenvolvemento de novos instrumentos para o seu estudo e a análise dos seus aspectos constitutivos e a súa función social. Os traballos desenvólvense a partir do Corpus para o estudo do español oral (ESLORA) que integra entrevistas semidirixidas realizadas en Santiago de Compostela no marco do proxecto panhispánico PRESEEA e conversas coloquiais espontáneas. Unha parte da investigación céntrase na anotación morfosintáctica dos textos e no desenvolvemento da aplicación de consulta. Os datos obtidos permiten estudar a dinámica e a constitución das interaccións orais desde unha perspectiva multidimensional: léxico-gramatical, discursiva, pragmática, sociolingüística, ideolóxica. Ademais, examínanse criticamente as técnicas de obtención de rexistros orais así como outros recursos complementarios empregados na elaboración do corpus e analízanse as posibilidades de aplicación de corpus orais ao ámbito da ensinanza-aprendizaxe do español como segunda lingua.

Historia do léxico.

Relacións entre léxico e gramática.

Estudo de unidades léxicas de diferentes clases e subclases, con foco nos seus trazos semánticos e nas súas propiedades formais. A investigación céntrase en como deslindar as distintas subclases: nomes de evento e de resultado, adxectivos relacionais e cualificativos, nomes encapsuladores simples e complexos, adxectivos con significado modal etc.

Morfoloxía derivativa do español.

Estudo de como funcionan os mecanismos da derivación en español e cal é a súa produtividade, tanto na lingua actual como nas épocas anteriores, con especial atención á estrutura dos procesos e as súas características morfolóxicas. Os traballos máis recentes están relacionados co deseño e realización dunha aplicación en liña destinada a facer visibles en español as relacións de parentesco entre as palabras dunha mesma familia léxica. A aplicación MORFOGEN contén dous módulos: a) unha base de datos de morfoloxía do español e b) unha ferramenta de visualización que permite obter unha imaxe global da familia léxica de cada palabra consultada. A familia agrupa todas aquelas palabras que directa ou indirectamente remiten a unha mesma raíz, sexan estas variantes cultas, populares ou préstamos, á marxe do maior ou menor grao de transparencia formal e semántica que plasmen en canto á relación derivativa.

Ensino do español como lingua estranxeira.

Esta liña de investigación céntrase en cuestións como as seguintes:

  1. Estudo de distintos aspectos relacionados co ensino de idiomas: factores e estratexias de aprendizaxe, orientacións metodolóxicas, compoñentes da competencia comunicativa, desenvolvemento das destrezas lingüísticas etc.

  2. Análise e elaboración de materiais de ensinanza-aprendizaxe.

  3. Uso e explotación de corpus lingüísticos e de aprendices (orais e escritos), como fonte para a descrición do funcionamento da lingua e da interlingua de falantes non nativos e para a elaboración de materiais de ensinanza-aprendizaxe.

  4. Análises destinadas á avaliación de diversos aspectos no ámbito do ensino de ELE: a) a atención que se outorga á diversidade intralingüística nos materiais didácticos; b) as estratexias de aprendizaxe e o fomento do traballo autónomo a través das TIC; c) a mobilidade estudantil e a aprendizaxe de linguas.

Convén resaltar a experiencia dalgúns membros do equipo de investigación no desenvolvemento de corpus de aprendentes de español, concretamente do Corpus de aprendices de español (CAES), proxecto promovido e financiado polo Instituto Cervantes.

Estudos contrastivos léxico-sintácticos.

Con implicacións teóricas e aplicadas, trátase dun conxunto de estudos de carácter contrastivo cuxos principais obxectivos son: a) o establecemento do potencial combinatorio de lexemas semanticamente próximos do alemán, o español e o portugués, con atención ao contraste inter- e intralingüístico; b) a aplicación dos resultados, especialmente relevantes no ámbito de aprendizaxe de segundas linguas e linguas estranxeiras e, máis en concreto, en situacións de produción e tradución. O interese teórico céntrase na interrelación entre o significado léxico e as características combinatorias.

Historiografía da lingüística.

Análise historiográfica da tradición lingüística española e galega, con especial énfase na historia da gramática. Varios membros do grupo publicaron traballos sobre a situación actual da historiografía lingüística española, a historia da gramaticografía española, a historia da teoría ortográfica do español e a historia da lingüística galega. Actualmente tamén se investiga a presenza de ideoloxías lingüísticas no desenvolvemento da lingüística española e analízanse e avalíanse materiais relacionados co ensino do español como primeira, segunda ou lingua estranxeira, tanto desde una perspectiva historiográfica como no que se refere ás aplicacións tecnolóxicas actuais.