Gari-Coter: Creación e integración multilingüe de recursos lingüísticos en galego para RI mediante estratexias de control terminolóxico e discursivo en ámbitos comunicativos especializados (2004-2008).
O obxectivo xeral do proxecto coordinado, RicoTerm 2 no que se insire o subproxecto Gari-Coter é: desenvolver unha serie de recursos lingüísticos,corpus, vocabularios e ontoloxías, para un ámbito discursivo delimitado e moi pertinente para a RI en Internet, a economía, coas finalidades de extraer información de corpus textuais reais, describir e representar aspectos formais e semánticos da terminoloxía e da súa combinatoria, e construír unha ontoloxía e unha base de datos multilingüe sobre economía. Estes recursos preténdese, en primeiro lugar, utilizalos como fonte de datos relevantes para un sistema de reelaboración de consultas, RECBI, que expandirá as consultas con información semántica e con datos multilingües, para transformar unha consulta simple tipo nunha consulta complexa e multilingüe apta para lanzala a calquera buscador que use técnicas estatísticas.
O subproxecto Gari-Coter, dentro do proxecto coordinado, ten algúns obxectivos particulares (fundamentalmente o desenvolvemento dos recursos para o galego), e compartidos co subproxecto UPF (Universidade Pompeu Fabra) do proxecto coordinado (fundamentalmente o deseño do sistema de reelaboración de consultas). Aos resultados relacionados cos obxectivos particulares do subproxecto, corpus e extractor de termos, pódese acceder desde esta páxina, así como desde a páxina xeral do proxecto coordinado arriba referenciada. Nesa páxina xeral, pódese así mesmo encontrar unha descrición máis detallada, contextualizada no marco do proxecto coordinado, do subproxecto Gari-Coter. A información reproducida aquí é un extracto da recollida nesa páxina.
Unha descrición máis detallada do subproxecto Gari-Coter no seo do proxecto Ricoterm 2 publicouse en:
Barcala Rodríguez, Fco. Mario, Eva Domínguez Noya, Pablo Gamallo Otero, Marisol López Martínez, Eduardo Miguel Moscoso Mato, Guillermo Rojo, María Paula Santalla del Río, Susana Sotelo Docío (2007), «El proyecto Gari-Coter en el seno del proyecto RICOTERM2». Procesamiento del Lenguaje Natural, 39, pp. 295-296. ISNN: 1135-5948.