Base de Datos Sintácticos do español actual (1988-2001).
Preguntas frecuentes
Esta sección está pensada para resolver as dúbidas e problemas máis comúns que calquera usuario pode atopar ao acceder ao sistema de consultas da BDS. Por favor, lea con atención as preguntas e respostas aquí formuladas por se algunha delas puidera coincidir co seu problema. No caso de que non sexa así, como último recurso pode escribir ao administrador da páxina.
1. Cando trato de acceder ao sistema de consultas sae unha fiestra na que se solicita un nome de usuario e un contrasinal. Que fago?
O acceso á BDS a través da web é libre, pero cómpre realizar antes unha solicitude de alta. Isto quere dicir que se ten que dar de alta como usuario, introducindo os seus datos no formulario que atopará en http://www.bds.usc.es/usuarios; entre estes datos figuran un nome de usuario, que o identificará como tal e un contrasinal, que vostede escollerá e que é persoal e intransferíbel.
2. Esquecín o meu contrasinal e, ademais, borrei o correo que me mandaron ao darme de alta. Como podo recuperar os meus datos?
Habilitamos un formulario que lle reenviará de xeito automático os datos do correo de benvida. Para iso ten que introducir o enderezo de correo electrónico co que se deu de alta e nuns minutos recibirá o seu contrasinal na súa caixa de correo. Lembre que é moi importante que empregue o mesmo enderezo de correo electrónico que usou para darse de alta, no caso contrario o sistema devolverá unha mensaxe de erro.
3. Teño dúbidas sobor de como podo sacarlle mellor partido ao sistema de consulta e extraer os datos que preciso. A quen lle podo preguntar?
A mellor forma de resolver este tipo de dúbidas é subscribíndose á rolda de correo BDS e facendo alí a pregunta. Deste xeito poderán axudarlle non só as persoas deseñaron e construíron a base de datos, senón tamén a comunidade de usuarios.
4. Quero darme de alta no sistema de consultas da BDS. Canto me vai custar?
Nada, a subscrición á BDS é de balde. Só se require unha licenza especial para un uso comercial dos datos extraídos. Se quere consultar os termos legais da licenza pode ler o seu texto completo.
5. Inscribinme usando o formulario de alta. Teño que agardar a recibir o correo electrónico para poder acceder?
Non, a inscrición é automática. Isto quere dicir que pode comezar a consultar a base de datos de contado unha vez que teña introducidos todos os seus datos sen que o sistema lle devolvese unha mensaxe de erro.
6. Dinme de alta sen problemas e recibín o correo cos meus datos, pero cando introduzo o meu nome de usuario e contrasinal o sistema non o acepta e amósame outra vez a xanela de identificación. Que é o que pasa?
Todo os programas de consulta, tanto os que acceden á base de datos como os que xestionan as altas e accesos dos usuarios, funcionan en máquinas da familia Unix, que en todo momento diferencian entre maiúsculas e minúsculas (a diferenza dos sistemas operativos de tipo Windows, que non o fan). Isto quere dicir que, se vostede se deu de alta co nome de usuario "Jesus" e despois escribe "jesus" na xanela de entrada, o sistema detectará a diferenza e denegaralle o acceso. Isto mesmo é válido para o contrasinal.