Grupo de Gramática del Español

A historia política da lingua: tradición e novidade nun paradigma epistémico marxinal

Cursos e seminarios

José del Valle (Professor of Hispanic Linguistics, The Graduate Center, CUNY)

Salón de Graos da Facultade de Filoloxía Santiago de Compostela, 19 e 20 de abril de 2018

Neste seminario, imos tratar a relación entre lingua e historia a través, primeiro, dun repaso diacrónico dos paradigmas intelectuais e científicos que teñen artellado a conexión entre ámbolos dous conceptos e, segundo, a través da exposición do xeito en que o proxecto glotopolítico latinoamericano pretende xerar un novo modelo de reflexión histórico-lingüística ancorado na política e axeitado ás condicions actuais de produción de coñecemento na Universidade.

Ao falar do proxecto glotopolítico latinoamericano invoco un conxunto de prácticas profesionais —pesquisas, publicacións, congresos, etcétera— que, aínda que presentes en distintos espazos xeoacadémicos, cristalizaron nas últimas dúas décadas no entorno do Máster en análise do discurso da Universidad de Buenos Aires e do doutorado en Culturas Latinoamericanas, Ibéricas y Latinoestadounidenses da City University of New York (CUNY).

Utilizando coma exemplo os estudos sobre o castelán ou español, o percorrido disciplinario partirá das achegas históricas á lingua feitas desde a filoloxía e a lingüística histórico-comparativa que resultaron na cristalización dos obxectos gramática histórica e historia da lingua; atravesará a tensión conceptual entre a lingüística socio-histórica e a historia social da lingua; e finalmente chegará aos desafíos teóricos, metodolóxicos e institucionais da inserción da política e do político neste tipo de pesquisa.

Horario
Xoves, 19 de abril
16:00 - 20:00
Venres, 20 de abril
10:00 - 14:00

 

Inscrición

formulario en liña

Organización

A actividade está organizada polo grupo de investigación Gramática do español (GPC Xunta de Galicia ED431B 2017/39).