Universidade de Santiago Universidade da Coruña Universidade de Vigo

Características da Rede

A lingüística de corpus (LC) é probabelmente a metodoloxía de análise máis estendida na actualidade. As posibilidades informáticas facilitan a consulta de grandes conxuntos textuais compostos por centos ou mesmo milleiros de millóns de formas. isto pon a ciencia lingüística nunha situación sen precedentes no seu devir histórico. A enorme cantidade de documentación existente na rede, pola súa banda, obriga a desenvolver técnicas de análise que permitan procesar toda esa información, o que convirte os corpus textuais nunha ferramenta para o estudo de calquera lingua, ademais dun recurso para someter a proba hipóteses formuladas acerca do funcionamento das linguas, a súa evolución, a súa aprendizaxe, entre outras moitas.

O acceso a grandes cantidades de textos e as posibilidades para procesalos fixo que, en consonancia con tendenzas da comunidade científica internacional, verios grupos do Sistema Universitario Galego (SUG) que dedican parte da súa actividade investigativa a construír corpus de diferentes tipos, en diferentes linguas e con diversos propósitos, formen esta Rede de traballo conxunto.

A denominada Rede Corpus, financiada pola Consellería de Educación (Ref.2009/047, DOG No. 143, 23 de xullo de 2009), está constituída por nove grupos de investigación adscritos ás tres universidades galegas que traballan en lingüística de corpus dende diversas perspectivas (sincrónica, diacrónica, centrada na variación, etc.), con textos de distinta natureza (fundamentalmente escritos, pero tamén orais) e finalidades diferentes (corpus de referencia, corpus de aprendizaxe, etc.), tanto con linguas vivas (inglés, galego, español) como con linguas xa desaparecidas e coñecidas en diferentes graos como latín e grego por unha banda e hitita pola outra.

A rede galega de lingüística de corpus ten como obxectivo básico a creación dunha estrutura de funcionamento que posibilite o intercambio fluído de experiencias e logros, así como a reflexión e discusión conxunta -dende os ámbitos de traballo de cada grupo- sobre os aspectos fundamentais da teoría de corpus e as súas diversas aplicacións. Pretende ademais a creación dun macrogrupo de traballo que participe de actividades comúns de formación, difusión de resultados obtidos e realización de xornadas de traballo e simposios.