O proxecto Dispoñibilidade léxica en Galicia

O proxecto de Dispoñibilidade léxica en Galicia, financiado polo Programa de Promoción Xeral de Investigación (INCITE 2008), inscríbese dentro das investigacións do proxecto panhispánico de dispoñibilidade léxica, cuxo propósito é elaborar, nas diversas zonas do mundo hispánico, dicionarios que reúnan o léxico dispoñíbel dos mozos preuniversitarios, é dicir, o léxico condicionado polo tema do discurso. Neste marco, e xa que Galicia é unha comunidade bilingüe, o obxectivo prioritario da investigación é a preparación de dous dicionarios de dispoñibilidade léxica, o primeiro adicado ao español de Galicia e o segundo adicado ao galego.

O léxico dispoñíbel obtense a partires duns estímulos verbais chamados centros de interese (CI), arredor dos cales os suxeitos producen listas de unidades nun tempo máximo de dous minutos, que posteriormente son lematizados e sometidas a tratamento informático para xerar os listados de dispoñibilidade de cada un dos CI, para o cal se utiliza un programa informático, elaborado pola Universidad de Salamanca (Dispolex).

Cada unha das mostras analizadas componse de 800 enquisas realizadas a estudantes preuniversitarios escolarizados en 50 centros de ensino de toda a xeografía galega. Para a súa elaboración empréganse as variables comúns a todos os traballos que compoñen o proxecto panhispánico: o sexo, a titularidade do centro educativo, a ubicación do centro educativo e a residencia familiar e o nivel sociocultural. A estas variábeis engádeselle a relativa á lingua habitual.