Eventos

XII Encontro de Morfólogos

O XII Encontro de Morfólogos terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, do xoves 5 de maio ao venres 6 de maio de 2016. O tema elixido é Procesos morfolóxicos. Zonas de interferencia, de modo que o obxectivo principal consiste en prestar atención aos límites entre os diversos procesos morfolóxicos.

Como é habitual, a xornada académica desenvolverase ao longo do venres 6 de maio e está destinada tanto a investigadores como a estudantes. A asistencia ao Encontro é totalmente libre e non ten cota de inscrición.

Os Encontros de Morfólogos veñen celebrándose anualmente desde o ano 2005 en diversas universidades españolas e reúnen a todos aqueles investigadores cuxo ámbito de estudo é a morfoloxía teórica ou a morfoloxía do español. Nos foros anuais danse cita tanto investigadores nacionais como estranxeiros de moi diversas adscricións teóricas e metodolóxicas. Os encontros naceron baixo o amparo da Rede temática de morfoloxía e difúndense tanto a través desta rede como do blogue MORFORETEM. Neste blogue pódense atopar informacións relevantes para os morfólogos que se ocupan do español e doutras linguas (publicacións, xornadas, congresos, ferramentas informáticas, etc.).

Ademais dos cinco relatorios, haberá espazos dedicados á presentación de pósteres, como se fixo nos últimos encontros. A sección de pósteres está aberta a todos, especialmente a doctorandos e investigadores novos. Os organizadores animámosvos a presentar proxectos en fase de realización.

Para facilitar a organización, o período de presentación de propostas de pósteres quedará fixado entre os días 11 de xaneiro e 20 de marzo de 2016. Os interesados deben facerlle chegar a Yolanda Iglesias Cancela, por 12encuentro [dot] moratgmail [dot] com (correo electrónico) e antes da data de peche, os seguintes datos: autor ou autores da proposta, título do póster, dirección de contacto e un breve resumo dunhas 10 liñas.

Máis información en http://bdme.usc.es/cms/?xii-encuentro-morfologos/xii-encuentro-morfologos-presentacion.html